Sunday, 20 February 2011 01:00

O re-Solve+ 2011 amplíase a todas as actividades para fortalecer a estrutura financeira das pemes

O re-Solve+ mellora sensiblemente ao estenderse a todas as microempresas e pemes galegas para cubrir operacións de financiamento de ata 300.000 euros. As axudas deste programa, aberto á presentación de solicitudes ata o próximo 15 de setembro, acollerán operacións financeiras avaladas nun 100%. O obxectivo é que o tecido empresarial poida acceder ao crédito que precisan para o seu financiamento operativo e mellorar os seus niveis de competitividade.

Santiago, 20 de febreiro de 2011.- A consellería de Economía e Industria, vén de renovar e ampliar o seu compromiso coas microempresas, os autónomos e as pemes galegas que poderán acceder, mediante o re-Solve+, ao financiamento de circulante que precisen para o seu funcionamento operativo e para fortalecer as súas estruturas financeiras, mediante préstamos avalados nun 100%.

A activación do programa de garantías re-Solve+, que se reforza abrindo o abano de beneficiarios a todas as actividades económicas, facilitará o financiamento de operacións de circulante, de refinanciamento de pasivos ou de ampliacións de capital destinadas a fortalecer a estrutura financeira das pemes galegas, ao amparo do correspondente convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades financeiras adheridas.

Mediante a activación do re-Solve+, aberto á presentación de solicitudes ata o próximo 15 de setembro, a Xunta reafirma o seu compromiso para promover a cobertura das necesidades de financiamento das empresas galegas, procurando que as microempresas e as pemes poidan superar as dificultades que a esixencia de garantías supón para as pemes. A través do Igape, a Consellería de Economía e Industria dispón dunha achega de 6,3 millóns de euros para facilitar a concesión polas entidades financeiras de préstamos avalados por unha SGR na súa integridade.

O re-Solve+ recolle o impulso da Mesa polo Diálogo Social e está destinado a facilitar o financiamento das pemes galegas mediante o compromiso da Xunta de Galicia de compartir riscos cos empresas con proxectos empresariais viables, no marco do plan de garantías impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape.

O programa re-Solve+ amplía en 2011 o abano dos potenciais beneficiarios por actividade económica, e mantén as contías máximas dos préstamos amparados en 300.000€, mentres que as coberturas das garantías achegadas polas SGR con reaval do Igape cubren a totalidade dos préstamos para circulante.

O re-Solve+ habilita tres liñas diferenciadas: a de circulante, a destinada a apoiar o financiamento de operacións de refinanciamento de pasivos, e a destinada a financiar ampliacións de capital destinadas a fortalecer a estrutura financeira das pemes, para garantir así a súa continuidade e competitividade futuras.

Ao amparo deste novo programa re-Solve+, a liña de apoio a operacións de circulante permitirá mobilizar préstamos comprendidos entre 3.000 e 150.000 euros, con prazo de amortización de tres anos. A liña para refinanciamento de pasivos acollerá operacións comprendidas entre os 6.000 e os 300.000 euros, con prazo de vixencia de 5 anos; neste caso, a cobertura do aval da SGR será do 50% e contará co reaval do Igape polo 25% do risco. Polo que se refire á liña para ampliacións de capital, estará destinada a apoiar operacións de financiamento comprendidas entre 3.000 e 250.000 euros por socio (e 500.000€ por empresa) que amplía capital, e cun prazo mínimo de amortización de 7 anos.

Ademais de achegar garantías mediante os reavais en garantía do 25% do risco asumido polas SGR, na liña de circulante o Igape subvencionará as comisións dos avais formalizados para que non repercutan sobre os beneficiarios das operacións. No programa para apoiar ampliacións de capital, o Instituto que preside Javier Guerra tamén subvencionará as comisións do aval e, ademais, achegará unha subsidiación de xuro de, aproximadamente, 1,5 puntos porcentuais.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments